Mércores, 28 de setembro do 2022
Máis de setenta persoas participaron na xornada do martes 27 no Pazo de Goiáns de Boiro ao redor de mesas de análise e obradoiros prácticos
Tempo de facer historia recente, de analizar o presente e prever o futuro do sector. O I Encontro de Profesionais da Xestión Cultural, que se desenvolveu durante toda a xornada do martes 27 de setembro no Pazo de Goiáns en Boiro, reuniu a máis de setenta profesionais do sector pertencentes a dúas xeracións. Produción, creacion, programación, distribución, comunicación, técnica ou formación e investigación, son algúns dos diferentes ámbitos representados nesta xuntanza de profesionais da xestión cultural, que se marcou como obxectivo impulsar as redes de colaboración e celebrar o asociacionismo. Boas prácticas, sustentabilidade e contexto económico foron abordados na xornada en Boiro, organizada pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) co apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Boiro.
No acto de apertura, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero deu a benvida ás persoas asistentes congratulándose dunha xuntaza “tan agardada tras o duro tempo da pandemia para o sector”. Pola súa parte, o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), promotora do encontro, reseñou a importancia dunha xornada de “conexión profesional nun momento como o actual, saínda dunha crise sanitaria global e albiscando unha recesión económica tamén global”.
A celebración e análise dos catorce anos de andaina de Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural foi obxecto da primeira mesa da xornada, da que formaron parte aquelas persoas que presidiron a asociación nalgunha etapa. Pilar López, técnica de cultura de Foz e primeira presidenta da AGPXC, Alberto García, técnico en Boiro, Xavier Campos, da Deputación da Coruña e Pilar Portela, coordinadora de Música e Danza na AGADIC-Xunta de Galicia, reseñaron o logro da entidade ao promover a consciencia como sector e poñer enriba da mesa a “precarización” dos profesionais da cultura. Pilar López narrou os precedentes organizativos dos profesionais, nomeadamente ao redor da asociación Landrover, constituída no ano 1990 e recibida polos medios con titulares como “Os técnicos de cultura non queren só organizar as festas da vila”. Aquel precedente estivo directamente vinculado á constitución en 2008 da AGPXC, coa incorporación dunha nova xeración de profesionais.
Un sector de autónomos
Do pasado ao presente transitou o I Encontro de Profesionais da Xestión Cultural cunha segunda mesa ao redor da situación actual da cultura no país, da man de Emi Candal, responsable de distribución da cooperativa Urdime, e de Xaquín López “Xocas”, xerente do Auditorio de Galicia (Concello de Santiago de Compostela). Malia que a análise comezou cunha valoración positiva do ritmo de traballlo neste ano 2022 dentro do sector cultural, tras dous anos de pandemia, os poñentes fixeron unha proxección do futuro próximo non tan optimista.
“Hai que ter en conta que saimos da pandemia, hai remanentes de tesourería na administración local e estamos no final dun ciclo eleitoral. Pero isto acontece neste momento. Sabemos que o consumo cultural ten que ver co nivel de estudos e de renda, e neste contexto global económico, a perda de poder adquisitivo vai facer que o sector se resinta máis. Fai falla planificación, como mínimo, a medio prazo”, expuso López. Emi Candal, que subliñou que o sector cultural privado está integrado maiormente por persoas autónomas, defendeu as fórmulas colectivas como cooperativas ou sociedades laborais para facer fronte ás crises económicas. “Ademais é fundamental nunha sociedade que a cultura forme parte dos currículos escolares”, engadiu.
O responsable é planificar
Se un dos contidos principais da xornada xiraba ao redor de prácticas responsables e inspiradoras, a mesa de análise dedicada a esta cuestión estaba formada por perfís profesionais diversos: Laura Romero, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Serxio Lago, coordinador do Curso de Experto en Xestión e Innovación Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, Teresa Espejo, técnica do concello da Guarda, e Xabier Carnota, técnico de ampla traxectoria e promotor da Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo (Tesgal). Tempo e saúde foron dous termos destacados á hora de falar do ritmo de traballo dos profesionais, lastrado polo modelo de produción cultural. “A planificación é a base da práctica responsable”, destacou Espejo, que apuntou que as colaboracións e redes tamén son útiles para construír outros modelos de traballo.
A programación da sesión da tarde do I Encontro de Profesionais da Xestión Cultural reservou un un lugar destacado para ferramentas lanzadas para o sector nos últimos tempos como son o "Manual Boas Prácticas na Xestión Cultural para espectáculos ao Vivo” e o “Manual de Artes Visuais”. Ambas propostas ocuparon a tarde do 27 de setembro con obradoiros prácticos. Patricia Hermida, avogada, representante de artistas e presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) abordou o ámbito dos espectáculos ao vivo, mentres que foron as integrantes de 7h Cooperativa Cultural as que estiveron a cargo dos exemplos prácticos no desenvolvemento profesional nas Artes Visuais, cuestión central no manual coordinado para a AGPXC.
Deixamos na seguinte ligazón os vídeos e contidos de cada unha das mesas.